top of page
  1. Príncipe azul:  Baseada nun discurso en Radio Sevilla, no que o xeneral golpista Queipo de Llano anima os lexionarios e regulares a violar as milicianas republicanas.  O emprego da agresión sexual ás mulleres como arma de guerra é algo tristemente habitual nos conflitos bélicos.  O feito de que un dirixente tan destacado o faga expreso publicamente non é só unha mostra de brutalidade, senón tamén a clara expresión dun sentimento de impunidade que o tempo non fixo máis que confirmar.

  2. Landín acordeón:  Conta unha historia de ficción baseada nun acordeonista que coñecín de neno.  O marco: acordeonista, canellón…son reais, pero o que conta é ficción, unha metáfora da persistencia nas conviccións propias a pesar das consecuencias que calquera podería sufrir.

  3. O fillo asasino:  Por esta canción desfilan catro personaxes, que en realidade son un mesmo: Un fascista, de Marín (ben podería ser o comandante Bruno Schweiger, alemán afincado nesa vila, que os historiadores sinalan como un dos asasinos máis desapiadados dos grupos executores de paramilitares ao servizo dos militares golpistas), que se prepara para ir matar a Cangas.  Tratábase dun proceder habitual; os paramilitares de Cangas sinalaban aos de Marín, por exemplo, a que individuos matar na súa vila, e viceversa.  O segundo personaxe é un operador de drons, quizais un mozo recrutado pola súa pericia cos videoxogos, que traballa nun búnker, e mata a distancia.  A furia política que permite deshumanizar ao inimigo real ou imaxinario para eliminalo, amplifícase pola sensación de irrealidade que introduce a tecnoloxía dixital.  O terceiro é un europeo, musulmán de relixión, que decide deixalo todo para unirse ao Estado Islámico; a escusa, no seu caso, é a fe, pero en realidade é a posibilidade de matar e violar con total impunidade a que o alimenta.  O cuarto é un comisario do NKVD, (a institución predecesora do KGB), que participa na colectivización forzosa da terra realizada durante a Revolución bolxevique, un axente do terror stalinista que mata tamén con impunidade, a escusa é esta vez o progreso, a luz.

  4. Canción dos afogados:  Como "O fillo asasino" conecta pasado e presente: os fondeados nas rías durante o terror franquista, os afogados na actual crise de refuxiados no Mediterráneo, con Occidente como espectador pusilánime en ambos casos.  

  5. Aquela muller:  Conta a historia dunha muller desfeita pola guerra, pola desaparición do seu home e do seu fillo.  Andado o tempo aquela muller atemoriza coa súa soa presenza os nenos do vencindario no que vive.  Está baseada ao 90% nunha persoa que coñecín. 

  6. Interludio: Pregaria de San Simón. Escrita por Eduardo Pantaleón, un dos presos do penal en que converteron o antigo lazareto da illa de San Simón en Redondela, Pontevedra. O texto está incluído no libro Aillados.  A memoria dos presos da illa de San Simón. Antonio Caeiro, Juan A. González e Clara Mª. de Saá. Ed. Ir Indo, 1995

  7. O cemiterio das botellas:  A historia do meu tío avó Benito Pastoriza Fariña, condenado por intentar facer saltar polos aires a ponte dos Beireses, en Ardán. Preso primeiro en San Simón e despois trasladado ao penal do Forte de San Cristóbal, en Navarra.  Xunto a outros máis de 700 presos participou na fuga da prisión en 1938, polo que lle aumentaron a pena noutros 17 anos.  Benito morreu na cadea, de tuberculose, en 1943.  A familia recibiu os seus restos no 2007. Estaba soterrado no Cemiterio das Botellas, á par do forte, chamado así porque xunto os cadáveres hai unha botella onde introduciran os seus datos persoais.

  8. Non lle queda máis:  Inspirada na historia de Mercedes Magdalena García, de Cerponzóns, Alba, Pontevedra,  que tivo que exiliarse cos seus tres fillos a Bos Aires, despois de que asasinaran ao seu irmán Juan, e tiveran que fuxir cara o mesmo destino, a través de Portugal, os seus irmáns Ángel e Severino e o seu home Constante.  Mercedes embarcou cos seus fillos no vapor Antonio Delfino, para non volver.

  9. Esperanza:  Unha canción sobre as promesas incumpridas pola transición, unha sátira onde nada (nin nigúen) é o que parece.

  10. Home:  Un escaparate polo que desfilan algúns dos protagonistas: algúns noméanse expresamente (Victor Lis, Juana Capdevielle..), outros dedúcense polo que se conta deles. Os verdugos e as vítimas, o pasado e o presente, cara a cara. 

  11. Todo:  A canción que pecha o disco non é un canto á esperanza, senón un lamento pola perda irreparable de tantas persoas.  Cada unha das case 5000 persoas asasinadas na Galiza durante o terror do franquismo, foron outros tantos disparos a unha realidade que non puido ser e que xa nunca vai ser.  As consecuencias do que aconteceu a partir de xullo de 1936 seguiranse a sentir durante moito tempo, máis aínda se a sociedade a que lle corresponde permite que a verdade e a reparación das vítimas non se fagan verdadeiramente efectivas.

  12. Tema de Landín:  Ao final do disco hai unha peza agochada. Unha melodía que Suso Iglesias interpreta co acordeón pero a quen escoitamos é a Landín, ao protagonista da segunda canción, ao fondo, xs nenxs que sentimos xogar, son os do CEIP do Carballal, de Marín, que gravou Víctor Castro.

bottom of page